A CIG chama a recuperar dereitos participando na manifestación do 1º de maio
Por Anxo Lourido
O vindeiro luns 1 de maio, a CIG levará a cabo a manifestación con motivo da conmemoración desa data partindo da praza da Ferrería ás 11.30 horas. Reclamarán a recuperación dos dereitos laborais e sociais, que foron desaparecendo desde o inicio da crise económica.
O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde e Xabier Aboi presentaban na mañá deste mércores o acto reivindicativo para esa xornada sinalando a necesidade de que se derroguen as reformas laborais que se levaron a cabo tanto polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero como polos gobernos populares de Mariano Rajoy.
Ambos afirmaron que nos últimos oito anos atacáronse os salarios da clase traballadora, reducíronse os dereitos sociais e baixaron as pensións. Ademais, o goberno, segundo expuxo Marcos Conde, permite a perda de poder adquisitivo para a maioría de poboación mentres mantén que unha oligarquía formada pola clase dominante e as grandes empresas incrementen a riqueza.
Sinalan que o Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu neste últimos seis anos preto dun 11%. Realizan unha comparativa con Portugal onde os soldos subiron un 4,45% e con Alemaña e Francia cuxos habitantes viron incrementado o seu soldo un 9%.
Ademais, desde o sindicato nacionalista, afírmase que o goberno de Mariano Rajoy tamén tentou criminalizar as mobilizacións a través da aplicación da lei da Seguridade Cidadá (coñecida como Lei Mordaza). Ámbolos dirixentes entenden que é necesario saír á rúa para protestar porque é a única forma de obter resultados, tal e como sucedeu coas preferentes, indicaron.
Desde a CIG fan un chamamento tamén para potenciar os recursos enerxéticos de Galicia e denuncian que o goberno do Estado non permite empregar as potencialidades dos elementos naturais galegos como o vento ou a auga para xerar riqueza económica e postos de traballo.
Neste sentido, aseguran que o 50% dos que se atopan apuntados nas listaxes de emprego máis do 50% carece de prestacións económicas. Conde indicou que en moitos casos as familias viven das pensións dos avós, a pesar de que a súa contía é, cada vez, menor.
En canto á falta de unidade sindical, Xabier Aboi aclarou que non poden convocar manifestacións conxuntas o primeiro de maio porque "non queremos ir con parasitos. Como imos ir con esa tropa?", indicou o sindicalista que afirmou que a CIG fora vetada por Comisións Obreiras e que, xunto a UXT, ambas as centrais aceptan pactos sociais a cambio de nada.
Ademais da manifestación en Pontevedra, que partirá ás 11.30 horas da Praza da Ferrería, a CIG tamén levará a cabo unha marcha en Vilagarcía o primeiro de maio, que sairá ás 12.00 horas da Casa do Mar. Tamén na Estrada levarán a cabo unha mobilización que partirá da Praza do Mercado ao mediodía.
Relacionadas:
-
Máis de 300 persoas vulnerables buscan unha oportunidade de emprego con Cruz Vermella en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG saca ás rúas a "loita a prol da recuperación de dereitos roubados coa escusa da crise"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A CIG volve á rúa para reivindicar que as pensións se revaloricen conforme ao IPC
Por Redacción |
-
O colectivo de pensionistas da CIG demanda que se revaloricen as pensións
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A CIG conmemora o Día da Clase Obreira Galega reclamando dereitos para os traballadores
Por Diego Espiño |