Un simulacro de bomba desaloxa as facultades do campus
Por Redacción
Unha suposta ameaza de bomba motivou a evacuación das facultades de Fisioterapia, Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación, así como da Escola de Enxeñaría Forestal.
No marco da implantación dos plans de autoprotección cos que contan as diferentes facultades e escolas da universidade para facer fronte a posibles emerxencias, o servizo de Prevención de Riscos Laborais organiza simulacros, máis ata o de agora, ningún destes afectara conxuntamente a varias facultades e escolas, como aconteceu este martes no campus de Pontevedra.
Efectivos da Policía Nacional, Policía Local Bombeiros de Pontevedra e 061 participaron neste simulacro, no que finalmente tiveron que atender unha situación real, a dunha alumna que sufriu unha indisposición, minutos antes do seu inicio.
Pouco despois das 12.30 horas, unha chamada do decano de Fisioterapia, Gustavo Rodríguez, aos corpos de seguridade informando desta suposta ameaza de bomba, puña inicio a este simulacro, no que desde a conserxería desta facultade procedeuse a dar aviso aos outros tres centros para que fixesen tamén soar as súas alarmas de forma continua, "o que indica que todo o centro ten que ser evacuado no menor tempo posible ", como explica María José Montero, técnica do servizo de Prevención de Riscos Laborais.
Nese momento, entraron en actividade os equipos de intervención, alarma e evacuación e primeiros auxilios creados en cada un dos centros, encargados de evacuar os centros e prestar tamén asistencia ás catro persoas supostamente feridas, unha en cada centro. Tres delas, explica Montero, presentaban escordaduras e unha cuarta, en Fisioterapia, tería sufrido un suposto infarto.
"Saíu todo bastante ben, faltáronnos os equipos externos por mor desta emerxencia real", salienta María José Montero dunha iniciativa que levou ao alumnado, profesorado e persoal de administración de servizos ata o acceso á Illa das Esculturas, "punto de encontro común para todo o campus".