Costas autoriza un muro de 3 metros de altura na praia de Aguete
Por Oskar Viéitez
A Delegación Provincial de Costas do Estado en Pontevedra autoriza a construción dun muro de 3 metros de altura e 40 metros de lonxitude na praia de Aguete, máis concretamente na zona coñecida como A Pociña.
Segundo informou o grupo municipal do BNG de Marín, a autorización de Costas do Estado para a construción desta muralla "a cero metros do mar e en zona de servidume de tránsito", condicionase á preceptiva licenza urbanística municipal "coa que, a día de hoxe, non contan unhas obras que xa se iniciaron".
Os nacionalistas sinalan que os usuarios da praia de Aguete "non saían do seu asombro" ao comprobar como se procedía á tala masiva dos loureiros que daban sombra natural á zona norte do areal, coñecida como Pociña, e pola cal tamén se accede á Praia dos Namorados.
Actualmente non queda nin rastro da vexetación. A zona foi estaquillada e xa se procedeu ao movemento de terras que está a alterar a rasante para proceder á construción dun muro vertical de tres metros de altura.
O Bloque afirma que Costas do Estado xustifica esta "monstrosidade" en base a unha "suposta contención de terras " para a cal "nin sequera esixe un proxecto de obras". O BNG de Marín lembra que a lei non permite construción algunha na zona de tránsito e que esixe deixala permanentemente expedita para o uso público peonil e para os vehículos de vixilancia e salvamento. Nesta franxa de 6 metros que se mide desde a ribeira do mar, non se pode construír e debe permanecer sempre libre.
"CONCELLO E COSTAS AUTÉNTICOS PROMOTORES"
Para o grupo municipal do BNG de Marín esta forma de actuar "sinala que Concello e Costas son os auténticos promotores desta barbaridade".
"A pesar de non contar coa preceptiva licenza municipal, as obras inícianse amparadas na autorización previa de Costas do Estado e ningún dos dous entes actúa: un porque afirma que as obras son de contención de terras, e outro porque di descoñecer as obras", engaden os nacionalistas nun comunicado.
"Preguntámonos a que espera o goberno local para ditar a inmediata paralización dunhas obras que non contan con licenza urbanística e se están a levar a cabo á vista de todo o mundo nunha zona tan sensible como é o litoral, ao tempo que esiximos que se revise a autorización pois é a administración a responsable de protexer o que é de todos e de garantir, neste caso, a conservación do litoral", remata o BNG de Marín.