A primavera chega a Barro chea de cultura e deporte
Por Redacción
Barro deseña unha primavera chea de cultura e deporte.
As actividades dan comezo o mércores 26 de abril ás 20:30 horas coa inauguración da exposición "Dende Pontevedra a Río" na Sala da Exposicións do Concello dentro das actividades das II Xornadas do Barro C.F.
Dende o 26 de abril ata o 10 de xuño, ademais da exposición, nestas xornadas haberá charlas sobre xogo limpo, primeiros auxilios e normativa e regulamento de fútbol, tamén o III Torneo Interparroquial feminino de fútbol sala, o II Torneo Solidario Prebenxamín e Benxamín de fútbol sala e o partido homenaxe a ex xogadores do Barro C.F.
Dentro do programa Cultura no Camiño, esta fin de semana os máis pequenos desfrutarán da actuación "1, 2 e 3, xa non me ves", sesión de contacontos a cargo de Baobab Teatro, para nenos de 1 a 6 anos que terá lugar o sábado 29 ás 12:00 horas no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal. O domingo tamén haberá programación cultural na Nave da Música ás 19:00 horas có Concerto Familiar: Musicolandia "O país dos instrumentos" organizado pola Banda Xuvenil de Barro.
Nesta primavera a Banda Xuvenil de Barro tamén celebra o Concerto das Letras Galegas o domingo 14 de maio ás 20:00 horas no Pazo da Crega.
Durante os meses de maio e xuño dentro do programa "Dándolle á lingua 2017" na Biblioteca Pública, os veciños de Barro poderán asistir aos obradoiros gratuítos "Teatro e contacontos" impartido por Andrea Bayer, "Cantar e Contar" impartido por Antón Castro e "Contadores de Historias" a cargo de Quico Cadaval que teñen como fin transmitir e recuperar historias, contos e narracións na nosa lingua para realizar unha actuación final en diferentes puntos do Concello.
Tras o éxito acadado o ano pasado, vólvese a celebrar o 13 de maio a II Festa das Rutas, na que se realizan simultaneamente rutas a cabalo, vespa, 4x4, andaina e bicicleta, e que rematará nun xantar no Pazo da Crega e a II Baixada de Carrilanas de Campodeira que terá lugar o domingo 21 de maio.
Tamén chegan a unha nova edición o XII Concurso de fotografía "Imaxes de Barro" no que se pode participar ata o día 29 de maio e o concurso "Cóntame un conto veciño 2017 Barro-Portas" e do que se entregarán os premios o martes 16 de maio ás 17:00 horas no salón de actos da Biblioteca.
Dentro do programa Cultura no Camiño, esta sinalada a actuación teatral "Cociña económica" a cargo de Mofa e Befa na Nave da Música o domingo 4 de xuño ás 20:00 horas.
Unha das novidades na programación da primavera de Barro é a I Feira EcoBarroLóxico que terá lugar o fin de semana do 10 e 11 de xuño na Explanada de Crega.