Preocupación entre os empresarios polo "descontrol nocturno" en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A xunta directiva do Consorcio de empresarios turísticos de Sanxenxo (CETS) mantivo unha primeira reunión cos asociados dos núcleos de Sanxenxo e Portonovo na que estes manifestaron a súa "preocupación polos últimos incidentes vividos na pasada Semana Santa, sobre todo na madrugada, e que se veñen dando nos últimos anos".
A primeira das conclusións á que se chegou foi a "necesidade de protexer a marca Sanxenxo". Estes empresarios sinalan que o lecer nocturno de "sempre foi un atractivo máis do noso turismo e para moitos a razón pola que elixir Sanxenxo", aínda que consideran que nos últimos anos "se está vendo embazado por grupos de mozos que non respectan as mínimas regras de civismo e orde público que enturban a tranquilidade dos veciños e visitantes".
Neste sentido os asistentes expresaron a súa preocupación polas situacións que se viven na madrugada por parte de "grupos incontrolados" e solicitan ás administracións unha "maior implicación neste problema que se debe erradicar".
Estes empresarios queren "evitar que a marca Sanxenxo sexa sinónimo dun turismo baixo de mala calidade, zona de botellón e desmáns, un lugar sen autoridade".
De igual forma "é necesaria unha maior presenza policial" nas datas de maior afluencia de visitantes "para evitar este tipo de situacións desagradables". Os participantes na reunión declaran que isto o sofren como empresarios e veciños das zonas de influencia.
Os asistentes avogaron por facer fronte común e acordaron solicitar unha reunión ao executivo local do concello de Sanxenxo para analizar esta situación.
Relacionadas:
-
O Concello e os empresarios turísticos traballarán nunha ordenanza que controle e regule os excesos da movida
Por Redacción |
-
Telmo Martín reforza a seguridade para "evitar que se manche o nome de Sanxenxo"
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares critican que o goberno local sexa "incapaz de ter Sanxenxo limpo"
Por Oskar Viéitez |
-
Constatan unha redución de incidencias en Sanxenxo durante a Semana Santa
Por Redacción |