Os monumentos de Galicia serán amosados en forma de encaixes no XII Encontro de Palilleiras
Por Anxo Lourido
A asociación A Fieitiña tivo que pechar o prazo de inscrición antes do previsto porque 1.300 persoas apuntáronse durante os primeiros días ao XII Encontro de Palilleiras que se desenvolverá este domingo 30 de abril no Recinto Feiral de Pontevedra, dende as 10.00 ata as 19.30 horas.
Este luns 24 presentábase esta edición coa presenza do alcalde de Pontevedra, a concelleira Carmen Fouces e con varios integrantes da Fieitiña. A representante deste colectivo, Esperanza Marín, indicou que foi necesario pechar a inscrición porque carecen de máis espazo para atender todas as peticións de participación.
A cita permitirá, ademais de ver ás participantes traballando, admirar unha exposición na que se utilizan os monumentos máis tradicionais de Galicia como motivo para elaborar os encaixes. Desta forma, xa no cartel do Encontro pódese ver ao mollo Ravachol e á capela da Peregrina creados con palillos. Trátase dunha homenaxe á terra.
A mostra tamén ofrecerá unha exposición flotante cunha reivindicación contra a violencia de xénero. Utilízanse paraugas negros que contan con encaixes elaborados polos 40 integrantes da asociación pontevedresa. Andrea Rodríguez explicaba que se presentarán 110 paraugas na exposición, cada un con máis de sete metros de encaixe.
Espérase que a esta cita acudan palilleras de toda a península e, desta forma, poderanse comprobar os diferentes estilos que manexan. Desde A Fieitiña tamén afirmaron que, cada vez, son máis os homes que se inician no manexo dos palillos, moitos deles por prescrición médica cando se atopan na etapa de xubilación. "Afórranse horas de psiquiatra", afirmou a concelleira Carmen Fouces.