Condenado a dous anos de prisión por facer obras irregulares nunha casa e montar un 'leira park' en Lapamán
Por Natalia Puga
O marinense Francisco Otero Regueira deberá cumprir dous anos de prisión por realizar pequenas obras presuntamente irregulares nunha vivenda ao pé da praia de Lapamán, entre os municipios de Marín e Bueu, e converter a súa parcela en 'leira park'.
Unha sentenza do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra considéralle autor dun delito contra a ordenación do territorio e outro de desobediencia grave á autoridade e, ademais da pena de prisión, condénao a derrubar as obras realizadas e a pagar unha multa total de 7.020 euros e inhabilítao durante dous anos para o exercicio da promoción inmobiliaria e para ser administrador dunha sociedade dedicada a tal fin.
A condena da maxistrada Belén Rubido de la Torre é a mesma que pedía inicialmente a Fiscalía no xuízo polémico xuízo celebrado nos xulgados da Parda o pasado mes de febreiro e o acusado xa anunciou que presentará un recurso contra a mesma.
A sentenza considera probado que o acusado, a súa esposa e o seu pai constituíron a sociedade Construcións Otero Regueira que construíu unha vivenda inacabada destinada inicialmente a vivenda e logo para aparcadoiro privado na praia de Lapamán e que figuraba como administradora legal única a esposa, pero, con todo, non desempeñaba ningunha das funcións propias deste cargo, senón que o administrador de feito era o agora condenado.
A sentenza mantén que Francisco Otero promoveu e executou entre o verán do ano 2011 e xullo de 2012 obras de acondicionamento na parcela e no interior da edificación inacabada para acondicionala e poder utilizala mellor para desenvolver unha actividade de aparcadoiro privado aberto ao público. Este 'leira park' ofertábase en varios carteis colocados no exterior da parcela, mesmo na iluminación pública, previo pago de dous euros por vehículo, por estar próximo á praia de Lapamán.
A xuíza considera que realizou estas obras con pleno coñecemento de que as mesmas non tiñan autorización urbanística nin autonómica nin municipal ao ser denegada polo Concello de Marín no ano 2009 unha licenza para amaño de fachada. Tamén sabía que ese chan no termo municipal de Marín estaba considerado chan rústico de protección de costas por estar entre a liña interior da ribeira do mar e o punto máis desfavorable das obras a unha distancia de aproximadamente 62 metros. En ningún caso podería ser unha obra autorizable.
Ademais considera a maxistrada que o aparcadoiro privado previo pago era un uso prohibido na parcela e non solicitou nin obtivo ningún tipo de licenza para esta actividade e que Francisco Otero iniciou a construción dun muro de contención da parcela, unha obra autorizable pero para a que non pediu licenza.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) abriulle un expediente de reposición da legalidade urbanística o 30 de maio de 2012 como promotor da edificación e, como medida cautelar, impúxolle a suspensión inmediata da actividade de aparcadoiro e das obras de construción e acondicionamento da edificación e dábaselle un prazo de 24 horas para cumprir as medidas.
Con todo, ignorou as ordes e seguía cos carteis que anunciaban o aparcadoiro, de modo que en xuño precintáronlle o portal e as xanelas e colocaron a resolución da APLU en zona visible e logo puxéronlle unha unha multa de 1.200 euros por persistir na actividade de aparcadoiro privado. Volveu ignorar estas medidas, de aí a condena por desobediencia.