O Concello rexeita a chegada a Vilagarcía do circo con animais que xerou polémica en Sanxenxo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Circo Vienna Roller carece de permiso municipal para instalarse en Vilagarcía de Arousa por tratarse dun espectáculo que fai uso de animais. O Concello denegou o permiso solicitando polo empresario circense en base a un acordo do ano 2015 da Xunta de Goberno local comprometéndose á defensa dos animais e prohibindo a celebración no municipio de calquera tipo de espectáculo que exhiba ou use animais nos seus números.
Tanto o empresario circense como os propietarios dos terreos nos que se está anunciando o espectáculo teñen coñecemento por escrito da resolución municipal.
En caso de que a empresa persista en instalar o circo, tal como parece que ten anunciado, a Policía Local ten orde de intervir en salvagarda da legalidade vixente, sen prexuízo das posibles sancións que correspondesen.
A asociación animalista Libera instou ao Concello de Vilagarcía de Arousa a debater unha moción para declararse localidade 'libre de circos con animais' do mesmo xeito que realizaron outros concellos e que impediría a instalación dun circo con animais que está prevista para os próximos días na localidade.
Libera mostra o seu rexeitamento a este circo, o mesmo que xa xerou polémica en Sanxenxo a principios deste mes de abril, e lembra as críticas que xa formulou naquel momento contra o uso de fauna silvestre en catividade para ser empregada en espectáculos que supoñen un trato antinatural dos animais.
Os animalistas lembran que un circo itinerante é completamente incapaz de garantir a satisfacción das necesidades biolóxicas e comportamentais dos animais e denuncian que estas empresas aprovéitanse do actual baleiro legal autonómico para seguir mantendo fauna silvestre en catividade.