O Colexio de Médicos crea un grupo de traballo para casos de erros profesionais
Por Redacción
A lentitude coa que actúan os tribunais de Xustiza e o atraso na aprobación dun baremo de danos sanitarios levou ao Colexio Provincial de Médicos de Pontevedra a crear un grupo de traballo para o asesoramento e apoio en situacións derivadas de erros médicos.
O Pleno da Xunta Directiva do Colexio acordou na súa última reunión, do pasado martes 18 de abril, crear un observatorio que funcionará como un grupo de traballo constituído por membros de directiva que contarán co apoio da asesoría xurídica e, segundo as necesidades, con peritaxes de especialistas externos.
Segundo explicou o Colexio de Médicos, esta iniciativa busca colaborar coa sociedade cando se produzan situacións derivadas de erros médicos que leven danos cara ás persoas, pois se trata de situacións pouco habituais e afastadas da a mala fé, pero que poden producirse como consecuencia dunha actuación profesional e como seres humanos que son os profesionais da sanidade.
O colexio decidiu actuar "preocupado" pola tardanza que o poder lexislativo acumula en relación coa aprobación e publicación dun baremo de danos sanitarios, tantas veces anunciado, e que nas actuais circunstancias "faise xa imprescindible".
Respecto diso, explican que os profesionais médicos atópanse nunha situación de incerteza na actualidade ao non saber que tipo de pólizas de responsabilidade civil profesional (RCP) e con que coberturas ou límites de capitais deben contratar ante a eventualidade de que se produza unha condena xudicial, xa sexa en vía penal ou na administrativa como consecuencia dunha actuación profesional equivoca.
Segundo indican, para danos similares, os tribunais das distintas comunidades autónomas fixan indemnizacións que non son homoxéneas. Ademais, en ocasións, e orientativamente, utilízase o baremo publicado para accidentes de tráfico, ou mesmo nin iso, podendo levar a aplicación de indemnizacións que consideran desproporcionadas.