A estrada que une Ponte Verdugo con Cambeses e Barcia, unha semana cortada ao tráfico por obras
Por Redacción
A estrada que une Ponte Verdugo con Cambeses e Barcia, no Concello de A Lama, permanecerá pechada entre este luns 24 e o venres 28 de abril para permitir a realización de obras de mellora da seguridade viaria na zona.
O corte de tráfico realizarase no punto quilométrico 7,9 da estrada EP-0306, ao pasar o lugar de O Pelete en dirección a Cambeses, e ofreceranse desvíos alternativos para os vehículos que estarán debidamente sinalizados durante o tempo de duración das obras co obxectivo de minimizar o máximo posible as posibles complicacións para os condutores e veciños.
A actuación que provocará este corte execútaa a Deputación Provincial de Pontevedra co fin de reparar a drenaxe do firme e mellorar a seguridade viaria na zona. Estes traballos, que contan cun orzamento de adxudicación 14.328,17 euros, implicarán a retirada do actual firme e gabias para introducir as correspondentes tubaxes de drenaxe.
Segundo informou a Deputación a través dun comunicado, a actuación contempla o transporte de terras, reforzo de noiros, novas gabias e outros traballos necesarios para completar esta reparación viaria, que rematará co reposición dun novo firme e as marcas viarias pertinentes.