Vilagarcía logra o respaldo da Mancomunidade do Salnés para demandar o enlace en AVE a Madrid
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía segue buscando apoios para que a estación do tren da cidade dispoña de enlace directo a Madrid a través da alta velocidade ferroviaria, neste caso na Mancomunidade do Salnés.
A tenente de alcalde, Tania García, aproveitou o pleno deste xoves para trasladar verbalmente a proposta do alcalde, Alberto Varela, para que os concellos da comarca demanden conxuntamente ao Ministerio de Fomento e a Adif a parada do AVE á capital española. Todos os rexedores amosáronse de acordo coa iniciativa que será elevada formalmente por escrito á vindeira sesión do organismo supramunicipal.
A concelleira socialista aproveitou que a sesión versaba principalmente sobre a necesidade de estruturar o servizo comarcal de autobuses para plantear esta outra demanda relacionada coa intermodalidade do transporte público que afecta a todo O Salnés.
Entre os argumentos expostos lembrouse que a estación de ferrocarril de Vilagarcía dá servizo a todos os municipios da comarca e é unha das estacións co maior número de usuarios e de viaxes de toda Galicia xa que atende unha poboación fixa de en torno aos 100.000 habitantes que co turismo de verán chega aos 250.000, segundo as cifras que manexa a mancomunidade.
Tanto o presidente en funcións da mancomunidade, Gonzalo Durán, como o resto dos rexedores consideran positiva e beneficiosa a proposta tanto a efectos de servizo para os habitantes da comarca como un medio de potenciar o turismo no conxunto do Salnés, polo que acordaron plasmala por escrito e sometela a aprobación do pleno da mancomunidade na próxima sesión para dende este organismo instar ao Ministerio de Fomento e a Adif a que estableza servizo directo entre a estación de Vilagarcía e Madrid mediante a alta velocidade ferroviaria.
Este acordo sumarase aos anteriores xa adoptados por diversas corporacións municipais de Vilagarcía no mesmo sentido.