Marín ten activas 27 ordes de protección a mulleres do municipio
Por Oskar Viéitez
Este xoves, nas aulas de formación da Finca de Briz, celebrouse a primeira reunión do ano da Mesa Local de Traballo contra a Violencia de Xénero do Concello de Marín. A ela asistiron representantes das forzas e corpos de seguridade encargados da protección das mulleres vítimas da violencia de xénero, representantes dos centros educativos, do Punto de Intercambio Familiar Municipal, a concelleira de Benestar Social, persoal técnico do CIM e de servizos sociais e o representante do Colexio de Avogados de Pontevedra.
Entre os puntos a tratar traballouse nun protocolo base de colaboración conxunta para o tratamento de denuncias de terceiras persoas sobre posibles casos de maltrato, de especial relevancia en moitas ocasións para a detección precoz de situacións de risco.
Segundo datos do Programa VioGen, facilitados por Subdelegación do Goberno, en Pontevedra, actualmente están activas no municipio 27 ordes de protección.
Un dos acordos adoptados na reunión foi facilitar aos centros sanitarios un distintivo para colocar nos partes de lesións por violencia de xénero nos casos de obrigada derivación ás instancias xudiciais. A intención é garantizar a súa atención prioritaria e, desa forma, diferencialos doutros partes de lesións motivados por outras causas.
A intención da mesa tamén é recuperar as actividades cos centros educativos, denominadas "Operación Violeta". Estas actividades consistían en visitar as instalacións policiais coñecendo a súa dinámica de actuación e a asistencia a xuízos de audiencia pública. O obxectivo é a sensibilización da poboación escolar e o achegamento destas institucións de servizo público á cidadanía.
A Mesa Local de Traballo contra a Violencia de Xénero ten unha traxectoria municpal que se remonta ao ano 2005 e foi unhas das primeiras da provincia de Pontevedra en formarse.
Relacionadas:
-
Marín renova a colaboración entre as policías Nacional e Local para a protección de vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
O Punto de Intercambio Familiar trasladarase á casa principal da Finca de Briz
Por Oskar Viéitez |
-
López Abella participa na mesa contra a violencia de xénero de Cambados, Meis y Ribadumia
Por Oskar Viéitez |