Belas Artes pon a proba a súa capacidade de reacción ante emerxencias cun simulacro de incendio
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Ás 12.26 horas deste xoves, a alarma da Facultade de Belas Artes comezou a soar de forma continua trala detección de fume nunha das súas aulas. O equipo de emerxencia, comandado pola decana, Silvia García, e o xefe de intervención en conserxería, encargáronse "de ver cal é a incidencia ", e, unha vez constatado que o suposto lume non se podía apagar cos medios propios fixeron saltar de novo a alarma para proceder coa evacuación do centro.
Apenas cinco minutos despois, o seu alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos reuníase no xardín situado ás portas do centro completando así un simulacro organizado polo servizo de Prevención de Riscos Laborais da universidade como parte da implantación do plan de autoprotección desta facultade do campus pontevedrés.
Este simulacro contou coa participación da Policía Nacional e dos Bombeiros de Pontevedra, encargados de acordoar a zona e acudir a sufocar o suposto lume, así como do 061, que achegou ao centro unha ambulancia co propósito de asistir a dous supostos feridos.
"Saíu todo moi ben e trala evacuación, os bombeiros encargáronse de comunicar aos equipos responsables algúns detalles a mellorar", salienta María José Montero, técnica do servizo de Prevención de Riscos Laborais.