Carolina Iñarrea cesa como presidenta da xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra: "Es un golpe de estado sindical"
Por Anxo Lourido
As augas baixan revoltas entre os representantes dos traballadores dos hospitais de Pontevedra e desde hoxe establécese un período de dous anos ata as próximas eleccións sindicais en 2019 no que se esperan escenas de tensión. Este xoves 20 consumábase a moción de censura presentada contra a presidenta e a secretaria da xunta de persoal do CHOP, Carolina Iñarrea e María Ferrero, de Prosagal.
Unha decisión polémica que, segundo os sindicatos que a presentaron (CEMS-OMEGA, CIG, TSP, CSIF, SATSE, CC.OO. e UXT) ampáranse na falta de confianza nas máximas representantes de Prosagal para dar este paso. Sinalan que Iñarrea asumía responsabilidades que a xunta de persoal non lle atribuía.
Rafael Vázquez, de CC.OO. afirmaba que tanto a presidenta como a secretaria terxiversaban e esaxeraban todas as discusións e debates que se producían nos encontros internos. A todos estes sindicatos molestoulles que as reunións pasasen a ser de tarde por orde da presidenta. "Perdiamos a tarde ou o día enteiro", sostén Vázquez e Maite Joaquín, representante de SATSE. "Obrigáronnos a xustificar todas as intervencións que facemos", sinalan acusando a Carolina Iñarrea de controlarlles a asistencia a estas reunións. Acusan ademais a Prosagal de carecer dun programa e apuntarse ao que propoñían os outros sindicatos buscando un afán de protagonismo que, despois, non se reproducía coa presentación de escritos por rexistro para facer reclamacións á xerencia.
"A presidenta se arrogaba funcións que non ten. Xa está ben de ser vítimas", apuntaba Maite Joaquín. A partir deste xoves, cada catro meses os postos de presidente e secretario da xunta de persoal irán rotando ata final do mandato. Os primeiros en ocupar estes cargos serán Carmen Revenga, de CEMS-OMEGA como presidenta e Xermán Rouco, de CIG-Saúde, como secretario. Está previsto que convoquen unha nova xunta extraordinaria en breve para establecer as liñas de actuación.
"GOLPE DE ESTADO SINDICAL"
A ata hoxe presidenta da xunta de persoal, Carolina Iñarrea, viuse apoiada durante a convocatoria extraordinaria desta mañá por traballadores dos hospitais de Pontevedra que encheron o salón de actos do Hospital Provincial. Algúns destes traballadores acompañárona durante a súa comparecencia posterior ante a prensa onde cualificou de "atentado", "golpe de estado sindical" e "asalto" a moción de censura presentada contra ela e a secretaria María Ferrero. "Non deron argumentos", asegurou.
Neste sentido engadiu que os outros sindicatos non se axustaron aos prazos establecidos no regulamento de réxime interno para presentar a convocatoria e ademais tampouco se nomearon aos seus substitutos coas mesmas maiorías coas que elas foran nomeadas, aspecto ao que obriga ese mesmo regulamento. Ante isto, Iñarrea anunciou que estudarán a posibilidade de acudir á vía legal para presentar unha demanda contra os outros sindicatos por vulnerar esta norma.
Para Carolina Iñarrea, a causa que se esconde tras esta moción de censura é a procura de transparencia por parte de Prosagal. Esta organización de traballadores sanitarios nada hai dous anos buscaba unha supervisión das comisións de servizo e a publicación das actas de todas as reunións e accións que desenvolvía a xunta de persoal. A ex presidenta denuncia que a mobilidade interna dos traballadores dos hospitais de Pontevedra leva paralizada máis de catro anos e reclama transparencia para facer públicos os permisos e licenzas que prexudican ao conxunto dos traballadores.
Carolina Iñarrea cualifica como "unha auténtica mafia" as prácticas sindicais co Sergas
Carolina Iñarrea indica que os representantes doutros sindicatos acudían ás xuntas sen coñecer a orde do día ou non asistían ás convocatorias máis importantes. Neste sentido, lamentou que mentres elas sen estar liberadas realizaban o traballo, os liberados dos últimos anos doutros sindicatos non chegaban nin a convocar reunións para tratar os temas laborais de importancia. Na actualidade apuntan a que todas as organizacións con representación na xunta de persoal contan con máis horas sindicais que as nove representantes de Prosagal e hai cinco liberados dentro dos 27 integrantes da xunta correspondentes aos sindicatos CEMS-OMEGA, CIG, UXT e TSP.
"A súa estratexia era pactar coa administración a forma de cansarnos para que non aguantaramos máis de 6 meses, pero cansáronse eles. Non teñen argumentos. Cansarnos non puideron. Agora darémoslles aínda máis caña", sinalou a máxima representante de Prosagal. Desde este colectivo denuncian que existen pactos entre as organizacións sindicais tradicionais e o Sergas para contar cunha ampla marxe de horas de representación sindical "a cambio de pactos en mesas sectoriais que prexudican a traballadores fixos e eventuais".
Iñarrea afirmou que o sistema rotatorio á fronte da presidencia ofrecerá inestabilidade e non resolverá os moitos problemas que, asegura, sofren os traballadores sanitarios. A representante de Prosagal asegurou que o Sergas mantivo con estos representantes dos traballadores toda "unha ristra de dereitos sindicais, subvencións e dávidas durante os últimos 30 anos" aos outros sindicatos. "Unha verdadeira mafia", conclúe.
Relacionadas:
-
Un xulgado resolve o conflito entre sindicatos e apoia a modificación do regulamento da Xunta de Persoal da área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
Prosagal denunciará a toma de posesión de Sartier como presidente da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Piden a Carolina Iñarrea unha indemnización de 9.000 euros por socavar a honra sindical: "Ni que fuera la Pantoja"
Por Anxo Lourido |
-
Nace Prosagap, a unión sindical de Prosagal e Sagap, coa intención de loitar polo persoal sanitario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Prosagal arremete contra o resto de integrantes da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os sindicatos que asumen o control da Xunta de Persoal do CHOP queren superar o "presidencialismo" de Iñarrea
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A presidenta da xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra enfróntase a unha tensa moción de censura
Por Anxo Lourido |
-
Chegar e encher, Prosagal gaña as eleccións sindicais no CHOP
Por Oskar Viéitez |