A mellor tosta, ademais de estar moi rica, é solidaria
Por Redacción
A partir do venres, ASPACE-Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns) presenta a mellor tosta do II Concurso gastronómico "En ASPACE Cociñamos Xuntos". Un certame no que participaron persoas con parálise cerebral das entidades membro da Federación acompañados por un familiar ou un traballador das asociacións.
Nesta edición, a tapa gañadora foi a "TOSTA ENM" elaborada por Hugo, un neno de 5 anos con parálise cerebral, e a súa nai Carmen, de Amencer-ASPACE de Pontevedra.
Entre os ingredientes da receita destacan os cogomelos, os lagostinos, o ovo e o xamón serrano. Co obxectivo de contribuír á visibilización do colectivo das persoas con parálise cerebral, ASPACE-Galicia achega esta iniciativa á poboación coa distribución da tapa vencedora a 2,5 euros no Restaurante Román. Parte do prezo, 1 euro, será destinado a fins solidarios para a adquisición de material adaptado para as persoas con parálise cerebral usuarias de ASPACE-Galicia.
Para seleccionar a receita vencedora, en outubro de 2016 celebráronse tres semifinais. As etapas clasificatorias tiveron lugar na Escola Naval Militar de Marín, en Sada e na aula de cociña do Centro Social de Afundación en Vigo, localizacións próximas ás asociacións que participaron no concurso. As entidades involucradas, Amencer-ASPACE, ASPACE Coruña e APAMP atópanse integradas en Federación-ASPACE Galicia. Tras a selección das 3 mellores tostas tivo lugar a gran final no Centro Residencial de APAMP en Navia.
En total, 22 tostas que competiron no certame gastronómico que contou con xurados de excepción. Membros do Grupo Nove como Pablo Romeu Huelín, de Viñoteca Bagos; Beatriz Sotelo, cociñeira gañadora dunha Estrela Michelín; Alberto González Prelcic, de Restaurante Silabario gañador doutra Estrela Michelín; e Iñaki Bretal, do Restaurante Eirado da Leña. A maiores, blogueros e personalidades relacionadas co mundo da cociña como Teresa Rico de "Un Momento Doce", Carmen Albo de "Guisándome a vida", Xosé Manuel García, do programa "Come e Fala" da Radio Galega, Iván Méndez de Burbidas Taberna gastronómica e Andrés Pereiro de O Bodegón, de Vigo.
Relacionadas:
-
As filloas máis integradoras cocíñanse con Aspace en Pepe Vieira
Por Redacción |
-
VIDEO.- Sorpresa polo Día do Pai: Hugo xa camiña só
Por Alejandro Espiño |
-
Hugo e a súa nai, gañadores do concurso "En ASPACE cociñamos xuntos"
Por Redacción |
-
A cociñar tosta xuntos en Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Os 'primeiros pasos' de Hugo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |