Serán de Regodobargo e concentración moteira para esta fin de semana
Por Redacción
Ponte Caldelas agarda unha importante presenza de visitantes para gozar durante este sábado 22 de dúas actividades, o Serán de Regodobargo e a terceira edición da concentración moteira.
A xornada espérase asollada e por iso, desde o Concello, entenden que se rexistrará unha asistencia notable de motoristas para participar na concentración que se inicia ás 15.00 horas coa recepción na chaira de Chan da Barcia.
A xornada contará con actividades gastronómicas nos establecementos locais, paseo en moto pola contorna, unha exhibición do campión galego de quads, Dani Pérez, ademais dun sorteo de agasallos doados polo comercio local. A animación inclúe, para os máis animados, unha sesión de zumba.
A organización espera a chegada de ao redor de 2.000 persoas, moitas delas chegadas desde Portugal e tamén de diversos puntos da xeografía galega.
A outra cita é o Serán de Regodobargo, unha festa organizada polos veciños e coa que o Concello se implica especialmente desde este ano.
Os actos inícianse ás 21.00 horas no recinto de festas cunha degustación de orella, chourizo, pan e viño. Á conclusión haberá unha gran chocolatada con biscoitos. O recinto estará cuberto cunha gran carpa cedida polo Concello e contará con actuacións de música tradicional.