O Casino Mercantil, vítima dunha estafa en equipos falsos para reducir o consumo eléctrico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra condenará coa súa conformidade a dúas persoas por un delito de estafa por instalar en negocios de toda a provincia aparellos que teoricamente melloraban o rendemento da instalación eléctrica e reducían a factura entre un 8% e un 35%, pero que, en realidade, non cumprían esa función, senón que manipulaban os contadores eléctricos. Entre as empresas que foron vítimas das súas accións figura o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.
Os dous autores do delito, de iniciais I.L.P. e L.P.F., chegaron a un acordo coa Fiscalía que evitou a celebración do xuízo previsto para este mércores no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra e reduciu a súa condena. Inicialmente enfrontábanse a unha petición de catro anos e medio de prisión, pero finalmente serán condenados coa súa conformidade a un ano e seis meses.
Segundo os datos facilitados polo xuíz, Miguel Aramburu, unha vez que se confirmou o acordo, os dous acusados eludirán o ingreso en prisión a condición de que non cometan ningún acto delituoso nun período de dous anos. Este acordo pechouse de forma definitiva este mércores unha vez que ambos abonaron xa as candidades acordadas coas súas vítimas.
O fiscal pedía inicialmente que asumisen o pago de indemnizacións por máis de 77.000 euros, pero produciuse unha negociación con cada un dos prexudicados, de modo que a cantidade final que pagaron non é necesariamente esa. Entre as indemnizacións iniciais solicitadas destacaban os 31.135,32 euros a Unión Fenosa Distribución S.A.
No caso do Casino Mercantil, o acusado I.L.T. vendeulle e instalou dous equipos o 24 de novembro e 1 de decembro de 2011 por un total de 3.031,43 euros, 1.851,43 euros e 1.180 euros respectivamente. Posteriormente, forzou os precintos do cadro de contadores e manipulounos para que rexistrasen un consumo inferior ao realmente producido, aparentando deste xeito que o consumo, grazas ao equipo instalado, era inferior ao propio e habitual dos dous locais do Casino en que foron instalados.
Este proceder encaixa no modus operandi dos dous acusados, de quen o fiscal mantén que se dedicaron nos anos 2011 e 2012 á adquisición, comercialización e instalación de equipos de eficiencia enerxética IMA que afirmaban que melloraban o rendemento da instalación eléctrica reducindo o custo eléctrico entre un 8% e un 35%, sendo isto falso. Facían crer que se reducía o consumo mediante a manipulación dos contadores eléctricos das empresas, que desconectaban, ou simplemente aproveitándose da credibilidade empresarial xerada polo engano precedente noutros clientes.