Cuntis traballa para mellorar a coordinación en casos de violencia machista
Por Redacción
Lograr unha mellor coordinación de todos os organismos implicados na prevención e no tratamento da violencia de xénero. Con ese obxectivo celebrouse en Cuntis a primeira xuntanza da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero.
Nela participaron representantes das institucións que teñen competencia na loita contra esta lacra social.
Á xuntanza, que estivo presidida pola concelleira de Igualdade de Cuntis, Conchy Campos, acudiron representantes da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, o Sergas, a Deputación de Pontevedra ou a Garda Civil.
Ademais, tamén estiveron presentes departamentos municipais como servizos sociais, a Policía Local, cultura ou educación e xuventude; ou a directora do Centro de Emerxencias para as mulleres vítimas de violencia de xénero.
Os asistentes botaron en falta, segundo o Concello, a presenza de representantes do estamento xudicial.
Neste primeiro encontro, puxéronse as bases para elaborar protocolos e itinerarios de actuación que vaian máis alá da sensibilidade e boa vontade dos profesionais que integran os servizos de atención ás vítimas.