A concentración parcelaria avanza en 38 zonas da provincia
Por Redacción
Este mércores reuniuse en Pontevedra o primeiro Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria de Pontevedra.
Este comité ponse en marcha con carácter provincial a través da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia e está composto por representantes dos distintos organismos e entidades con competencias na zona de actuación co obxectivo de coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria, así como analizar as situacións preexistentes, as actuacións previstas e as incidencias ocorridas durante os procesos de reestruturación parcelaria.
Deste xeito, son membros, en primeiro lugar, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, en calidade de presidente do comité; o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; a secretaria xefa da Área Xurídica, así como responsables do AGADER e dos servizos de Infraestruturas Agrarias, de Explotacións Agrarias, de Montes e da Loita contra Incendios. Tamén estiveron presentes responsables do Servizo de Conservación da Natureza, de Augas de Galicia e de Urbanismo, así como de Patrimonio Cultural.
Por outra banda, tamén asistiron responsables de Unións Agrarias, así como o representante nomeado pola Fegamp, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.
A concentración parcelaria na provincia de Pontevedra iniciouse nos anos 60, contando xa con 163 zonas rematadas que corresponden a un total de 50.801 hectáreas que afectan a 65.030 propietarios. Continúase a traballar na actualidade noutras 38 zonas abertas, das que 16 están en fase de acordo e 15 teñen toma de posesión dada, o que supoñen 27.995 hectáreas máis a concentrar con 29.310 propietarios.
O ano pasado, dende a Consellería de Medio Rural, contratáronse obras e servizos técnicos para avanzar nas zonas por un montante de máis de 7,6 millóns de euros, e para o plan de reestruturación parcelaria deste ano, a Xunta ten previsto investir un total de 12,5 millóns de euros en obras e servizos en tódalas zonas abertas.
- Na comarca de Pontevedra, Curro-Portela, Pedecanai-Barro II e Agudelo-Barro-Valiñas (Barro).
- Na comarca do Salnés atópanse abertas as de Oubiña 2º Sector (Cambados), San Martiño-A Armenteira sector 1 e 2 así como a de Nogueira, a de Paradela e a de San Salvador (Meis), Catoira Norte e Sur, Baión e Tremoedo (Vilanova de Arousa) e Lois-Monte de Ribadumia.
- E na comarca de Caldas de Reis, Troáns sector 1 e 2 (Cuntis), Briallos e Romai (Portas) e Godos e Saiar (Caldas).
Relacionadas:
-
Os veciños da parcelaria de Godos poderán tomar posesión dos seus predios de substitución o 15 de novembro
Por Redacción |
-
A xunta da concentración parcelaria Troáns II informou do acordo de reestructuración previsto
Por Redacción |
-
Medio Rural leva investido máis de 1,8 millóns de euros na parcelaria de Troáns I
Por Redacción |
-
Medio Rural traspasa parcelas do banco de terras a Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Cambados, Ribadumia e Vilanova
Por Redacción |