As brigadas municipais traballan no arranxo de pistas, fontes e lavadoiros
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está avanzando na actualidade no desenvolvemento do plan de mellora e acondicionamento de fontes e lavadoiros no territorio de Cerdedo, que arrancou hai dous anos co obxectivo de reparar os vellos puntos de auga e lavado que presentan filtracións e deficiencias pola súa antigüidade e tamén para proceder á instalación de novos mananciais naqueles lugares onde sexan demandados polos veciños.
Así, na actualidade estase a traballar nas infraestruturas de Milladoiro e Framil, ambas na parroquia de Folgoso, Limeres (Cerdedo) e Quireza.
Todas estas tarefas están a ser realizadas por algúns dos operarios da brigada municipal de Obras, xa que os restantes están a traballar noutras tarefas básicas de mantemento, como a limpeza de urbanizacións ou a mellora e reparación do alumeado público, entre outras cuestións.
PISTAS MUNICIPAIS
Tamén está en marcha un plan de limpeza e acondicionamento de pistas municipais co obxectivo de ter as vías da súa titularidade nas mellores condicións e de incrementar a visibilidade e a seguridade vial nas mesmas.
Esta actuación, que se está a desenvolver con persoal e maquinaria da brigada municipal de Obras, comezou pola pista central do lugar de Vilanova, na parroquia de Tenorio. O Concello ten previsto actuar, segundo as necesidades e disponibilidade dos seus operarios, nos puntos da súa rede viaria que máis o precisen.