Documentos xudiciais apíñanse nos xulgados de Vilagarcía entre reixas e ratas
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT emitiu un comunicado de denuncia ante a situación de abandono que se está rexistrando no edificio xudicial de Vilagarcía de Arousa. Esta central sinala que a administración provocou unha saturación documental nas instalacións que se viu empeorada nos últimos tempos.
Entre os problemas afirman que a falta de espazo para os documentos obriga a empregar as celas de presos e o garaxe para albergar os arquivos. A situación agrávase ante a presenza de ratas nestas estancias, segundo afirman os funcionarios.
Sinalan que as pezas de convicción atópanse nas escaleiras dos xulgados, ademais de na sala de computadores e nos corredores, vulnerándose a lei de protección de datos. O sindicato indica que tamén se poden observar pistolas de fogueo sen ningún tipo de referencia.
Indican tamén que os funcionarios solicitaron caixas de distintos tamaños para almacenar os documentos sen que esta demanda se tivera en conta por parte da Dirección Xeral de Xustiza.
A documentación do Rexistro Civil atópase en caixas abertas e en cartapacios. E desde Alternativas na Xustiza-CUT afirman que un importante número de documentos son históricos, algúns datan de 1870, e deberían estar almacenados nun arquivo histórico e non nos xulgados. Ademais, entenden que sería necesario un trato diferente.
Denuncian tamén que o expurgo da documentación é unha tarefa que están a acometer os propios funcionarios, xa que a empresa que fora contratada para este labor abandonou os traballos por causas que os sindicatos descoñecen.
Indican que ante a gravidade do problema só se habilitou un cuarto de 12 metros cadrados no garaxe para almacenar o material, un espazo que os denunciantes consideran insuficiente ao entender que ademais a documentación debe estar custodiada por persoal xudicial xa que se trata de material privado.
Toda esta situación complícase coa falta de salubridade que denuncian os traballadores, xa que se rexistraron casos de enfermidades ao ter que manexar esta documentación sen luvas nin batas.
Relacionadas:
-
Piden á Xunta a creación urxente de dúas prazas para tramitacións nos xulgados de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Os xulgados de Cambados quedarán liberados de 12.800 expedientes
Por Redacción |
-
A situación "caótica" do arquivo de documentación dos xulgados da Parda chega ao Parlamento
Por Redacción |
-
Xustiza di que entre 2017 e 2018 resolverá o caos documental nos xulgados de Vilagarcía
Por Redacción |