Identifican catro persoas polo abandono dun can malferido na protectora dos Palleiros
Por Alejandro Espiño
Unha semana despois do abandono dun can malferido na porta da protectora que Os Palleiros ten en Campañó, os axentes da Policía Local lograron identificar as catro persoas que deixaron alí ao animal.
Trátase de tres homes e unha muller, todos eles veciños de Vilaboa, que transportaron o animal nun vehículo monovolume. Foron localizados despois de que o abandono do can quedara rexistrado polas cámaras situadas na entrada das instalacións de Campañó.
Fontes da Policía Local explicaron a PontevedraViva que, tras ser interrogados polos axentes, aseguraron que o can non era da súa propiedade.
Explicaron que o atoparon malferido e sangrando nunha rotonda de Cangas e que decidiran levalo á protectora pontevedresa.
O can, segundo a protectora, fora obrigado a participar en pelexas, un aspecto que prohibe de forma contundente a lexislación española. O animal presentaba feridas por todo o corpo, graves mordeduras nas súas patas, danos na dentadura ou numerosas infeccións.
A Policía Local trasladou o atestado que instruíron á Garda Civil, para que sexa o servizo de protección da natureza, o Serprona, o que continúe coas investigacións.