Instan a Augas de Galicia a retirar 100 pneumáticos abandonados preto do encoro do Umia
Por Redacción
Un centenar de pneumáticos vellos acumúlanse desde hai meses nas inmediacións do encoro do Umia. E ata agora, a pesar da denuncia da Garda Civil, ningunha administración fíxose cargo deles.
Trátase de pneumáticos usados que foron localizados, por mor dunha chamada cidadá ao Seprona, no lugar de Hervés, situado na parroquia de Troáns (Cuntis). Ao non poder identificar o autor dos feitos e estar dentro da zona de dominio público hidráulico, a vertedura notificouse a Augas de Galicia.
O departamento autonómico deu orde, á súa vez, ao Concello de Cuntis para que retirase as rodas acumuladas na zona, ao entender que se tratan de residuos sólidos urbanos e a competencia para o seu tratamento é municipal.
Pero o goberno municipal devolve a pelota ao tellado da Xunta. Amparándose nos informes do Seprona, da Policía Local de Cuntis e do propio garda fluvial de Augas de Galicia, conclúe que non se trata de residuos sólidos urbanos e que, ademais, está en zona de protección fluvial, polo que debe ser o goberno galego quen se faga cargo da vertedura.
De feito, o técnico de Augas de Galicia, lembran desde Cuntis, certificou que as rodas estaban a apenas 30 metros do nivel actual da auga do encoro e que o sitio onde se atopan foi expropiado polo organismo autonómico, que é nestes momentos o titular destes terreos.
O goberno municipal reitera que, por tanto, é Augas de Galicia quen debe retirar estes pneumáticos, algo que o Concello espera que o fagan canto antes.