Un tatuador acusado de abusos a unha menor recoñece que se achegou a ela, pero "para tatuar, nada más"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Pontevedra Elison Daniel C.C. nega que durante as festas da Peregrina do ano 2016 abusase dunha menor de 14 anos tocándolle as nádegas mentres lle facía unha tatuaxe. Negouno desde que presuntamente ocorreu o 13 de agosto de 2016 e este martes volveu facelo ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que o xulgaba por un delito de abusos sexuais polo que o fiscal pide que sexa condenado a dous anos e medio de prisión.
O tribunal da Sección Cuarta da Audiencia escoitou dúas versións totalmente opostas. Por unha banda, a da presunta vítima, que se reafirma en que estáballe facendo a tatuaxe cando empezou a achegárselle e "me empezó a tocar el culo". Polo outro, a do acusado, que recoñece que se aceirou a ela, pero "para tatuar, nada más".
O procesado explicou que tiña un posto de tatuaxes nun espazo aberto ao público da avenida Montero Ríos e a noite do 13 de agosto, pasadas as 23.00 horas, achegouse un grupo de catro menores que aparentaban entre 14 e 15 anos. Unha delas sentou nun banco de cemento e el á beira para tatuala, pero nega que se propasase, senón que se limitou a agarrala e tocarlle as costas porque ela "no paraba de reírse y la tuve que agarrar para que no se moviera porque si no el tatoo salía mal".
Nun momento dado, a moza levantouse e acusouno de tocarlle o cu, pero el limitouse a "seguir trabajando simplemente". Pouco despois, cando os pais da menor alertaron ao garda de seguridade e se lle achegou, botou a correr "por non darle un desgusto" á súa nai, que tiña un posto xusto á beira e non quería que o vise detido.
A moza, que ten 14 anos e declarou detrás dun biombo, confirmou que acudira coas súas amigas para facerse unha tatuaxe con letras chinesas por unha aposta e que el lle fixo preguntas persoais, empezou a achegárselle e ofreceulle varias veces baixar aos aseos do aparcadoiro subterráneo. Ademais, "todo el rato se acercaba a mí y me intentaba besar" e, nun momento dado, tocouna, de modo que se levantou. El, en resposta, asegura que lle dixo: "qué pasa, es un culo, puedes tocar el mío".
A moza foise coas súas amigas, atopouse cos seus pais e denunciou primeiro ante o garda de seguridade e despois ante a Policía. Tanto o vixiante de seguridade como as súas amigas confirmaron a súa versión ante o tribunal, asegurando estas últimas que "ella estaba sentada y él le metió la mano por debajo" e que xa desde un principio el facíalles preguntas persoais e achegouse demasiado á presunta vítima.
O fiscal considera que no xuízo quedou "acreditada la realidad" do tocamento con "intención libidinosa", pero a avogada defensora de Elison Daniel sostivo a súa inocencia, pediu a súa libre absolución e insistiu nas múltiples contradicións nas que incorreron a menor e as súas amigas. De feito, asegura que ela mesmo chegou a contradicirse a si mesma durante as sucesivas declaracións en relación con como ocorreu todo, onde lle tocou ou onde quería facer a tatuaxe.