Os hoteis de Poio estiveron ocupados nun 83%
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Turismo do Concello de Poio informou sobre os visitantes recibidos nas oficinas de turismo municipais e a ocupación rexistrada nos establecementos de aloxamento durante a Semana Santa.
No que respecta á ocupación acadada durante esta Semana Santa, os establecementos hoteleiros rexistraron unha ocupación media do 83%, superando así as previsións iniciais que auguraban unha ocupación arredor do 74%. As parroquias de San Xoán e Samieira foron as que mellor ocupación rexistraron estes días, chegando a acadar ata o 90% de ocupación durante os días festivos.
Respecto ós visitantes que se achegaron ata as oficinas de turismo municipais acadouse a cifra de 720 persoas, sendo un 96% dos visitantes de procedencia nacional e un 4% de turistas estranxeiros.
De entre os visitantes nacionais destacaron en primeiro lugar, como ven sendo habitual, os procedentes de Madrid (26,32%) seguidos dos visitantes procedentes Castela e León (23,15%), País Vasco (10,59%) e Andalucía (3,48 %).
Tamén foi salientable o número de visitantes procedentes da nosa comunidade autónoma que representaron un 17,55% do total. En relación ós visitantes internacionais destacaron os turistas procedentes de países europeos como Alemania, Italia e Portugal.
A información recollida nas oficinas de turismo revela que a maior parte dos visitantes chegaron en coche, salvo os numerosos grupos que o fixeron en autobús e os principais motivos de visita ao municipio son o conxunto histórico de Combarro, O Mosteiro de San Xoán de Poio e a gastronomía da zona.
En canto á información solicitada polos visitantes buscan preferentemente información dos atractivos do Concello de Poio (Combarro, Mosteiro de Poio, petróglifos da Caeira, Casa de Colón), así como información xeral das Rías Baixas, de Pontevedra, Islas Cíes, Cambados, Cangas, O Grove e Vigo, entre outros destinos.