As vacacións solidarias dunha óptica pontevedresa en Marrocos
Por Oskar Viéitez
A óptica pontevedresa Verónica Alfonsín estivo durante estas vacacións de Semana Santa prestando o seu labor social en terras de Marrocos como voluntaria da Fundación Alain Afflelou.
Ela foi seleccionada como embaixadora para participar en "O Deserto dos Nenos", aventura solidaria na que esta fundación leva participando desde 2011.
Desde a saída o 7 de abril en Alxeciras ata a chegada a Almería o pasado 15 de abril, Alfonsín e outros cinco ópticos procedentes de diferentes puntos da xeografía española e un óptico autóctono de Marrocos, traballaron sen descanso para revisar a vista a preto de 800 persoas de pequenas poboacións sen recursos do país veciño.
O seu xesto solidario traduciuse noutras importantes cifras de axuda: regaláronse máis de 540 lentes graduadas e 500 lentes de sol.
Para a maioría dos habitantes das poboacións visitadas, esta era a primeira vez que se poñían en mans de profesionais ópticos. Seguro que lles lembrarán con gran agarimo posto que estes voluntarios conseguiron mellorar a súa saúde visual.