Os sindicatos saen en defensa dun "convenio digno para a sanidade privada"
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras convocaron para este mércores en Pontevedra unha concentración ante o Sanatorio Santa María para defender un "convenio digno para a sanidade privada".
Segundo informaron os representantes sindicais, despois de oito reunións para negociar as condicións do convenio colectivo de Hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra, "a patronal continua facendo unha oferta absolutamente insuficiente".
Estas mesmas fontes afirman que os empresarios propoñen un convenio a catro anos, comezando no 2017, dando por perdidos os tres anos anteriores. Cunha subida salarial do 0,50% para cada un dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020.
"Esta proposta supón, de feito, conformarnos cunha subida salarial do 2% en sete anos", destacan as organizacións sindicais.
Non hai ningunha outra mellora social nin redución de xornada, que mermita compensar esta perda real de poder adquisitivo, excepto a equiparación salarial de enfermeiros e fisioterapeutas en catro anos .
Os sindicatos Comisións Obreiras, UXT e CIG, presentes na mesa de negociación, rexeitaron tanto a oferta "como a actitude da patronal", por iso consideraron "necesaria" a unidade dos traballadores para "facer unha fronte común que permita desbloquear a negociación".
A concentración será este mércores ás 18 horas na avenida de Santa María.