Contra o mal de ollo, San Cibrán
Por Mónica Patxot
A comisión de festas da parroquia de Tomeza quixo potenciar este ano a tradicional romaría de San Cibrán que, como todos os luns de Pascua, desenvólvese na ermida pontevedresa. Desta forma, este luns 17, numerosas actividades leváronse a cabo para recuperar a esencia desta festa coa celebración de sorteos, actuacións musicais coa participación de cinco grupos e a venda dos típicos ramos de San Cibrán bendicidos polo cura parroquial.
Centos de devotos achegáronse ata a capela para participar das celebracións relixiosas e, ao mesmo tempo, gozar do ambiente festivo coas opcións gastronómicas que sempre se poden degustar neste evento. Os romeiros comeron polbo e churrasco no bar situado no "campo da festa" de Lusquiños.
Neste día grande realizouse tamén un roteiro para acompañar o santo desde a igrexa de San Pedro de Tomeza ata a capela e tanto nenos como adultos aproveitaron para lanzar as súas pedras sobre o tellado da capela mentres daban as nove voltas ao redor do edificio.
A tradición indica que o que segue este ritual espanta o mal de ollo. Os asistentes tamén cumpriron con outras tradicións como a de camiñar por baixo da imaxe do santo e a de pasar un pano pola figura.
O antropólogo Rafael Quintía tamén achega a súa visión a este evento cunha charla no centro social de Tomeza sobre a existencia dun castro celta no lugar. E a festividade finaliza na noite deste luns coa actuación de dúas orquestras nunha animada verbena.