Descontento do Concello e os veciños de Sanxenxo coa Xunta pola PO-308
Por Oskar Viéitez
Descontento do Concello e os veciños de Sanxenxo coa Xunta trala reunión mantida este venres entre a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e representantes da plataforma de afectados pola PO-308.
Esta responsable da Xunta anuncioulles que esperan terminar os trámites pendentes ao longo deste ano para poder licitar a obra de reforma da estrada en 2014. De modo que os traballos na PO-308 entre Sanxenxo e A Lanzada, a estrada da costa, terán que esperar.
Desde a plataforma aseguraron á saída deste encontro que "esperabamos algo máis". Unha decepción compartida pola alcaldesa "é normal, tanto para a Plataforma como para o Concello esta obra é prioritaria", afirmou.
"Esta é unha obra que levamos reclamando moitos anos sen resposta", por este motivo a rexedora agradeceu que polo menos houbese unha contestación e tamén "agradecemos o esforzo que están a facer".
Estas melloras foron demandadas por empresarios, comerciantes, hostaleiros, e cidadáns, e reclamáronas ademais "con urxencia" con todo a "conxuntura económica" serve de argumento para demorar este investimento que cando se poida executar, se acometerá en tres fases distintas, e non de modo simultáneo nos case nove quilómetros.
Pola súa banda a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, comunicoulles que o proxecto de seguridade viaria terá máis prazas de aparcamiento, un novo cambio de sentido e unha glorieta á altura da praia de Pragueira.
A Xunta acometerá en primeiro lugar a ejecución do tramo entre Soutullo e a glorieta da Lanzada "por ser o tramo cunha maior intensidade de tráfico peonil e que é máis preciso reordenar".