Volve a Marín a iniciativa 'Unha dorna de libros, un mar de ilusións'
Por Redacción
A Alameda de Marín acollerá o próximo 23 de abril a quinta edición de Unha dorna de libros, un mar de ilusións, un conxunto de actividades arredor dos libros e da lectura organizadas pola Asociación de Mulleres Intercambio do Saber.
Unha dorna de libros, un mar de ilusións é unha actividade aberta aos colectivos culturais e sociais de Marín. Esta vez, realizarase en colaboración cos centros educativos IES Mestre Landín, Illa de Tambo e Chan do Monte, e os CEIP de Seixo, Carballal e o Sequelo e o colexio concertado do Sagrado Corazón.
A actividade desenvolvérase ao tempo e en colaboración coa Feira de Oficios da Asociación de Artesáns Gallaecia.
Ao igual que nas anteriores edicións, ao longo da xornada do día 23 terá lugar un intercambio de libros usados que previamente todas as persoas interesadas poderán deixar na sede do BNG en Marín, na Praza da Veiguiña, os días 17 e 18 abril en horario de 16.00 a 19.30, a cambio dos vales cos cales poderán intercambiar os libros o día 20.
Ao igual que nas edicións anteriores, xa se poden enviar os traballos que participarán no certame de microrrelatos que, desta volta, deberán comezar coas palabras "Non todo era como aparentaba".
O prazo para presentar os relatos, que non sobrepasarán as 150 palabras, comezou o día 10 e rematará o día 20 de abril e deberán ser enviados ao enderezo electrónico intercambiodosaber@outlook.com.
O evento terá lugar na Alameda durante todo día, pero en caso de chuvia está previsto poder desprazalo ao multiusos da praza de abastos.