Un condutor, ferido nun accidente de tráfico na PO-308 entre Samieira e Raxó
Por Redacción & Diego Torrado
Un condutor resultou ferido nun accidente que se produciu este venres na PO-308, entre Samieira e Raxó (Poio). O sinistro tivo lugar sobre as doce de mediodía á saída do Camiño Novo, tras pasar a praia de Laño.
Segundo explicaron testemuñas presenciais, o accidente consistiu nun choque frontolateral entre dous turismos. Un deles trataba de incorporarse á vía e non apreciou ao outro coche que circulaba pola PO-308 chocando contra el.
Un dos condutores tivo que ser trasladado a un centro hospitalario por unha ambulancia do 061, pero o seu estado non reviste gravidade.
Ao lugar dos feitos trasladáronse axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil, entre outros.
O accidente causou importantes retencións na estrada entre Pontevedra e Sanxenxo, ao quedar os dous coches cruzados sobre a vía.
A circulación puido retomarse con normalidade unha vez que os vehículos foron retirados polo guindastre.