Líbrase dunha multa porque o sinal que lle prohibía aparcar estaba só en galego
Por Natalia Puga
O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, fixo este venres unha crítica contundente á política de sancións que leva a cabo o Concello de Pontevedra e como exemplo do "mal" que se está a facer as cousas fíxose eco da experiencia dunha condutora que se liberou de pagar unha multa porque a sinalización pola que se lle prohibía estacionar estaba só en galego e non incluía o castelán como estipula a normativa.
Moreira ve "rechamante" este caso que se remonta ao mes de novembro, pero ata agora non saira á luz e sinala que a concelleira Carme da Silva resolveu directamente a situación evitando, desta maneira, que se convertise nunha denuncia xudicial.
Segundo o voceiro 'popular', Carme da Silva determinou a devolución dos cartos cobrados a unha condutora pola retirada do seu coche polo guindastre, sen necesidade de que o caso chegara ao contencioso. Considera que o problema "xurdiu pola teimuda actitude do Concello en relación co idioma", pois o cartel que acompañaba ao sinal que xustificou a infracción estaba unicamente redactado en galego e non en castelán. O Regulamento de Circulación di neste sentido que as indicacións escritas que se inclúan ou acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas figurarán en castelán e na outra lingua oficial da comunidade autónoma.
Este exemplo enmárcase nunha serie de críticas máis amplas de Moreira, que considera "unha evidencia o exclusivo afán fiscal da política de sancións que está a levar adiante o alcalde a través da Policía Local, cunha constante e crecente presión sobre os condutores en forma de denuncias e multas cada vez máis caras".
"A Policía Local actúa con desmedido afán recadador á hora de multar aos condutores, loxicamente seguindo as directrices ditadas polo alcalde de Pontevedra. O último capítulo desta voracidade fiscal foi o recente anuncio do incremento da tarifa do guindastre municipal nun 32%, co que o enganche chegará ata os 115 euros", recorda.
O líder do PP considera que o obxectivo do BNG é compensar con estas sancións a redución experimentada nos niveis de recadación doutras áreas derivada da actual crise económica e recorda tamén o caso da anulación dunha multa imposta a un condutor por estacionar o seu vehículo nunha zona limitada temporalmente por unha operación de limpeza.
Nesta liña, engade que "toda esta frenética actividade do Concello para xerar ingresos por multas contrasta con esa reiterada mensaxe sobre a suposta boa saúde económica da Administración Local" e considera "indecente e cruel" que o alcalde anuncie un superávit duns 200.000 euros no ano 2012 despois de suprimir a 31 de decembro de 2011 o equipo de inclusión social, un servizo imprescindible, de competencia municipal, e que custaba 144.000.
Relacionadas:
-
O PP pregunta ao alcalde por unha posible insubmisión veciñal tras a sentenza do sinal en galego
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra manterá os sinais de tráfico en galego e denuncia un "ataque ideolóxico" ao idioma
Por Alejandro Espiño |
-
Sobe o guindastre en Pontevedra: a retirada do coche pasa de 86 a 115 euros
Por Alejandro Espiño |
-
Unha xuiza reprocha ao Concello que non responde as alegacións dun condutor que recorre unha multa
Por Natalia Puga |