Catro novos proxectos empresariais incorpóranse ao viveiro de Barro-Meis
Por Redacción
O viveiro de Barro-Meis contará con catro novos inquilinos. A comisión de selección aprobou unha proposta para incorporar todos estes proxectos, tras avaliar as solicitudes presentadas para a cesión de uso de espazos nestas instalacións da institución provincial.
Unha vez sexan aprobadas pola Deputación e se proceda á cesión de espazos, pasarán a ocupar un total de dúas naves e dúas oficinas.
Trátase, en primeiro lugar, dunha empresa de transporte e distribución por estrada de mercadoría perecedoira (Jorge Fontán Carballo), e unha empresa dedicada á prestación de servizos técnicos de enxeñaría e de asesoramento e monitorización de cultivos mediante RPAs xeorreferenciadas (Alejandro Ramón Rodríguez Plesky).
Tamén se incorporará unha empresas dedicada á elaboración de semiconservas artesás mediante procesos de salgado e afumado (Antonio González Barreiro) e, por último, unha empresa dedicada aos servizos de asesoramento e organización de eventos para empresas e particulares (Ana Isabel García Navarro).
Ademais, a comisión de selección tamén aprobou as propostas de prórroga da cesión de uso de espazos dos viveiros de outros catro proxectos: Coperfruit, S.L., Jorge Fontán Carballo, Certivedra Rehabilitación, C.B. e Avelino Tourís Fajardo.
O viveiro de empresas de Barro-Meis conta con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 postos de traballo.
As taxas de ocupación do viveiro son do 87,5% no caso das naves (con unicamente 2 libres) e do 58,3% en canto ás oficinas (con 14 das 24 ocupadas ou comprometidas), isto é, unha ocupación do 70% dos espazos dispoñibles.