'Fai a túa propia curta', da man de Pablo Cacheda
Por Alejandro Espiño
Que xente con interese no mundo audiovisual poida desenvolver a súa propia curtametraxe, videoclip ou reportaxe para televisión ou internet e dar os seus primeiros pasos nesta actividade. É o obxectivo do programa formativo Pontevedra rodando, que impulsa o director Pablo Cacheda en colaboración coa Film Comission de Pontevedra.
Trátase dunha iniciativa que Cacheda pon en marcha na Boa Vila tras o éxito de cursos similares en Barro ou Santa Comba. "Vale para rapaces con inquietudes ou xente que non busque unha formación regrada", explicou o director pontevedrés.
Nel, aproximaranse ás ferramentas e historias cos que adoita traballar o sector.
Baixo a temática de "A vida na cidade de Pontevedra", os 25 participantes do curso buscarán rodar historias na cidade, apostando por ficción, videoclips, documentais ou pequenas reportaxes que, posteriormente, poderanse ver a través de internet.
Nas diferentes sesións, traballaranse cuestións relativas a guion e produción audiovisual, "orientado todo a como facer unha rodaxe", explicou Pablo Cacheda.
A inscrición é gratuíta e pódese realizar na Casa da Luz ata o próximo 28 de abril.
O curso desenvolverase os días 2, 3, 9, 10, 12, 13 e 14 de maio. As xornadas teóricas desenvolveranse en horario vespertino na Casa da Luz e, posteriormente, os diferentes equipos de gravación sairán a rodar as súas pezas pola cidade.
Relacionadas:
-
O taller audiovisual amateur Pontevedra Rodando regresa en versión online a partir do 15 de febreiro
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Aquí non hai erro: o 'La La Land' galego estréase online na noite dos Oscar
Por Redacción |
-
O xoves estréase 'Superpunky', a primeira curta musical rodada integramente en Pontevedra
Por Redacción |