Aparecen centos de peixes mortos no encoro do Umia
Por Redacción
Ata o momento descoñécense as causas polas que durante as últimas horas deste luns 10 de abril apareceron centos de peixes mortos nas augas do encoro do Umia.
Os concellos de Cuntis, Caldas de Reis e Moraña alertaron o Seprona para que os técnicos realizasen unha investigación que permita comprobar a causa destas mortes.
Os peixes, sobre todo troitas, baixaban polo río buscando correntes e remataban no encoro onde na zona de auga máis estancada, segundo testemuñas presenciais, remataban por morrer.
Ante esta situación sospeitan que se produciu algún tipo de vertedura tóxica no encoro ou que as augas se atopen cunha temperatura demasiado alta para esta época do ano provocando a morte dos exemplares.
A primeiros de verán de 2015 producíase unha situación parecida e naquela ocasión dende a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia descartouse a presenza dunha vertedura contaminante. A causa da mortandade debíase, segundo as fontes oficiais, á escaseza de osíxeno na auga debido ao sobrequecemento da súa temperatura na zona onde non hai correntes.