Tomeza quere recuperar o esplendor de San Cibrán e que os pontevedreses volvan subir á romaría
Por Natalia Puga
Hai anos que na parroquia de Tomeza non presencian aquela imaxe de miles de persoas subindo ata a capela de San Cibrán cada luns de Pascua para participar na súa tradicional romaría. Nos últimos tempos, a festa perdeu esplendor e adeptos, pero a comisión de festas de Tomeza quere poñer fin a este declive e este 2017 marcáronse como reto recuperar a tradición e, de paso, que veciños de toda a comarca volvan subir a San Cibrán.
O dia central da celebración será o luns 17 de abril, pero haberá xa eventos xa desde este mércores 12 enfocados a divulgar a romaría e as súas tradicións. Ás 20.30 horas o escritor e antropólogo Rafael Quintía impartirá unha conferencia no centro social de Tomeza sobre a historia de San Cibrán na que achegará datos como, por exemplo, que nesa zona existiu un castro celta.
O portavoz e o presidente da comunidade de montes, Rubén García e Alberto Gómez, indicaron que xa o domingo 16 empezará a programación en si de San Cibrán e ás 10.30 horas sairá da estación de autobuses de Pontevedra unha andaina para que os veciños de Pontevedra retomen aquela tradición de subir camiñando ata a romaría e, unha vez alí, tomar alimentos como empanada ou a rosca de Pascua. Para facilitar a vertente máis gastronómica da festa, no recinto da festa haberá un bar no que se poderá comer churrasco ou polbo.
O luns, día grande de San Cibrán, tamén se tentará incentivar a chegada de persoas a pé desde Pontevedra cun roteiro para acompañar ao santo desde a igrexa de San Pedro de Tomeza ata a capela. Sairá ás 12.00 horas acompañada pola música de Os Chaneiros de Marín.
A tradición que se foi perdendo levaba aos pontevedreses para gozar da comida de campo en San Cibrán mentres escoitaban tocar aos gaiteiros. Para manter o costume, a vertente musical terá unha presenza importante na o programación festiva. Ambos os días haberá tirada de bombas e pasacalles con cinco grupos que animarán a romaría: Os Canteiros de Tomeza, Os Terribles de Nantes, Os Alegres e as bandas de gaitas Airiños de San Xulián e Os Chaneiros de Marín. Tampouco faltarán as verbenas nocturnas, con Xerusalén e Marbella o domingo domingo e La Oca Band e Satélites o luns.
O compoñente relixioso non pode faltar en San Cibrán. O domingo haberá misas ás 13.00 e as 18.00 horas e o luns ás 10.00, as 11.00, as 12.00, as 13.00 e as 18.00 horas. A misa solemne é ás 13.00 horas.
Ademais, a comunidade de montes aspira a recuperar todos os compoñentes da romaría tradicional, de tal modo que esperan vender uns 400 exemplares dos típicos ramos de San Cibrán, que levan romeu, oliveira, ruda, malvarrosa e loureiro, e, tras ser bendicidos polo cura, considérase que teñen propiedades para espantar o mal de ollo ou o mal da envexa. Para quen queira ter eses efectos, tamén marca a tradición que se siga o ritual de dar voltas á capela tirando pedras.
Ademais, para animar unha asistencia masiva, o luns farase o sorteo das rifas que nas últimas semanas venderon os membros da comisión de festas, nas que o premio ascende a 500 euros en metálico.
Relacionadas:
-
Malestar na desanimada romaría de San Cibrán pola celebración da misa central no interior da capela
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pouco meigallo que sanar en San Cibrán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Contra o mal de ollo, San Cibrán
Por Mónica Patxot |
-
Festa en San Cibrán para espantar o mal de ollo
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Luns anti meigallo en San Cibrán baixo chaparradas
Por Redacción |
-
Pedras para espantar o mal de ollo
Por Mónica Patxot |