Abre ó tráfico a estrada Gallas-Armenteira tras finalizar as obras
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra abriu este luns ao tráfico oficialmente a estrada Gallas-Armenteira en Meis despois de finalizar as obras de consolidación dun noiro e ampliar a plataforma da vía. Esta apertura supón un adianto con respecto ao prazo inicialmente previsto, que establecía a apertura para o mércores 12.
As obras executadas tiveron como obxecto garantir a seguranza viaria na estrada provincial EP-9406 entre Gallas-Armenteira ao seu paso polo lugar de Silván, onde se tiña detectado un noiro de grande altura.
O proxecto púxose en marcha o pasado mes de outubro de 2016, cando os técnicos do departamento de Mobilidade detectaron a existencia do noiro e realizaron un informe para iniciar a súa reparación.
A actuación de mellora quedou deseñada no mes de novembro e obtivo o visto bo no mes de febreiro deste ano. Finalmente, a actuación foi adxudicada por 54.822 euros o pasado 14 de marzo a Construcciones Vaqueiro.
As obras consistiron na creación dun sobreancho para permitir o paso de dous coches de forma simultánea. Conseguíronse as cesións de terreos de dous propietarios de fincas na zona, polo que a estrada, do lado do noiro actual contará con seis metros dende o eixo central e con 8,5 metros de sección total.
Para evitar futuros desprendementos construíuse tamén muro de contención que reforza a cimentación da vía, para o que se utilizaron máis de 800 toneladas de pedra.