Carmela Silva, sobre Carme Chacón: "Era desas mulleres ás que politicamente temos que admirar"
Por Oskar Viéitez
Visiblemente emocionada a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, non puido evitar as bágoas ao expresar a súa "profunda dor" polo inesperado falecemento da dirixente socialista Carme Chacón, aos 46 anos de idade.
"Cústame bastante manter a serenidade e a frialdade porque eu coñecía moito a Carme Chacón", comentou Carmela Silva. A última vez que coincidiron foi o pasado 26 de marzo no acto de presentación da candidatura de Susana Díaz á secretaría xeral do PSOE, "onde demostraba estar feliz pola súa nova etapa vital", traballando nun despacho de avogados.
"Era desas mulleres ás que politicamente temos que admirar todas as mulleres e agradecerlle todo o que achegou", engadiu Carmela Silva da primeira ministra de Defensa que tivo España de quen dixo "era unha feminista convencida que tivo que facer fronte a moitos teitos de cristal e que foi capaz de rompelos todos".
Entre outros momentos, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo lembrar o paso de Carme Chacón como presidenta no Congreso dos Deputados "onde sempre defendeu a posición que as mulleres tiñamos que ter na sociedade".
"Carme era unha muller con fortes principios, conviccións, unha gran socialista", quixo lembrar Silva. "Todos os valores do socialismo encarnábanse na súa persoa".
"Hoxe eu teño un enorme desgusto político e unha enorme tristeza persoal. A verdade é que é un día terrible para min, como muller, como socialista e política", concluíu a presidenta provincial.
O goberno da Deputación trasladou as condolencias os familiares de Carme Chacón.
Carmela Silva viaxará ata Madrid para acudir á capela ardente da ex ministra de Defensa na sede central do PSOE, na rúa de Ferraz de Madrid.