Os ciclistas recordan que "levamos anos" denunciando o perigo da PO-308 e foron "ignorados"
Por Redacción
Ao fío da última morte dun ciclista nas estradas pontevedresas, a que tivo lugar este domingo en Covelo (Poio), o colectivo Masa Crítica recorda que o punto onde se produciu o accidente é un dos lugares onde "levamos anos" denunciando o perigo que existe na PO-308.
A pesar de trasladar estas peticións, trasladadas en distintas estancias oficiais, os ciclistas aseguran ter sido "ignorados". Ante esta nova vítima mortal, Masa Crítica din sentirse "co-responsables" do accidente porque "non conseguimos que os responsables de tráfico se tomen en serio a seguridade dos colectivos máis vulnerables".
En xuño do pasado ano, recordan, o colectivo advertiu que ía denunciar os vehículos estacionados nas beiravías da PO-308, al entender que supoñían un grande perigo para ciclistas e para peóns.
Non o fixeron, afirman desde Masa Crítica, a cambio de que se tomaran medidas nesta estrada, que se sinalizaran as travesías, se adaptase a velocidade a 50km/h, se retiraran os colectores de lixo e se creasen medidas de calmado de tráfico. A iso comprometeuse, segundo sinalan, o goberno municipal de Poio pero non cumpriron.
Tamén solicitaron medidas á xefa provincial de Tráfico e ao delegado do Goberno en Galicia pedindo medidas de sinalización, o cumprimento da lexislación en materia de beiravía transitable e a situación do radar nos días de maior afluencia de ciclistas.
"Nada conseguimos e ninguén nos fixo caso a estas medidas", apuntan desde Masa Crítica.
"Aceptamos a nosa responsabilidade por non denunciar aos 185 vehículos estacionados ilegalmente que detectamos e forzar a que se tomaran medidas que quizais lle houbesen salvado a vida a este compañeiro", destacan nun comunicado.
Tras este atropelo mortal, Masa Crítica agarda que as autoridades tomen as medidas precisas para que este tipo de sucesos non volva repetirse porque, conclúen, "non é aceptable que todos os anos teñamos un falecido na provincia de Pontevedra e menos en estradas onde se sabe que hai un problema".
Relacionadas:
-
Denuncian dous condutores este domingo por adiantar con perigo un ciclista na N-551
Por Redacción |
-
No día mundial da bicicleta, o ciclismo en Pontevedra está de loito
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo
Por Diego Espiño |
-
O PP tilda de "falsas, desafortunadas e fóra de lugar" as críticas de Chelo Besada sobre a PO-308
Por Redacción |
-
"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos"
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan por homicidio imprudente o autor do atropelo a un ciclista en Poio e piden revisar o seu psicotécnico
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Morre atropelado en Covelo un ciclista de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |