As Forzas Armadas buscan novos recrutas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Cunha unidade móbil situada na Praza de España, as Forzas Armadas decidiron saír á rúa para buscar novos recrutas. Nela, todos os pontevedreses interesados puideron informarse acerca dunha profesión que, segundo sinalan os responsables desta iniciativa, é unha "gran descoñecida" en España.
Así o destacaron os cabo primeiro Tomás Donado del Río e Vicente Diz Rey que, chegados desde Ferrol, foron os encargados de informar os mozos de Pontevedra sobre un destino profesional que, explican, "ofrece un abanico moi grande de especialidades e destinos".
Ambos forman parte da unidade de servizo de apoio ao recrutamento e, aínda que pertencen á Armada, non só informaban sobre o acceso ao exército da mariña, senón tamén ás unidades de terra e aire.
O de Defensa, aseguran, é o ministerio que "máis oferta de emprego saca cada ano" e trátase dunha saída laboral "moi boa", xa que ademais da formación militar recíbense nocións que serven para, nun futuro, poder acceder a outras dedicacións.
En Galicia, explican, hai moita demanda de acceso á Mariña. "En función do territorio e das súas características, pídese maioritariamente un destino ou outro", sinalan. Pero no caso de Pontevedra, hai moito interese pola Brilat ou a Escola Naval "porque moita xente sempre busca opcións que estean preto de casa".
O exército, recoñecen, foi unha saída laboral pola que optaron moitos mozos nos últimos anos pola crise económica. "A xente buscaba un traballo", afirman os responsables desta oficina de información. "Chegaron moitos licenciados en dereito, en economía...", aseguran. Pero unha vez acceden, a vida militar atrápalles e "fan disto a súa vida".
Hai uns días, segundo sinalaron a PontevedraViva, pechouse a primeira convocatoria que se abre en 2017 de acceso ás Forzas Armadas. Foron, en total, 2.000 prazas en toda España. Delas, 1.500 foron para o exército de terra, 270 para a Armada e 230 para o exército do aire. Espérase que se abra un novo ciclo de acceso en setembro.