As vilas termais reclaman unha nova normativa "adaptada as súas necesidades"
Por Oskar Viéitez
Caldas acolleu este venres a primeira xornada do encontro das Villas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Pontevedra é a segunda provincia española por recursos termais, por detrás de Barcelona e por enriba de Ourense, contando con máis de 1.500 prazas hoteleiras en balnearios que representan o cincuenta por cento de toda Galicia.
Nesta xornada inaugural interviron Abel Caballero na súa calidade de presidente da FEMP, a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.
Caballero avogou pola redacción dunha nova lei de termalismo que recolla as necesidades do sector e dos concellos que contan con recursos termais nos seus territorios. Dixo que a normativa en vigor "limita as posibilidades" de desenvolvemento.
A esta reivindicación sumouse Carmela Silva quen tamén salientou a importancia da protección medioambiental e o aproveitamento responsable das augas termais.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia insistiu no potencial desestacionalizador do termalismo e a súa especialización facendo especial mención ao proxecto da Xunta de identificar cunha marca a estes destinos turísticos.