Descobren un home que traballara como transportista sen ter o carné de conducir
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra atribúe a un home, de 47 anos de idade, a presunta comisión de tres delitos: conducir un vehículo a motor sen permiso (ao non obtelo nunca) e por dous delitos de falsidade documental.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, o pasado 7 de marzo os axentes municipais procederon á identificación dun condutor dun turismo Renault Clío por unha infracción de tráfico na rúa Alemaña, no barrio de Monte Porreiro.
Cando os axentes requiríronlle a súa identificación, o condutor, inicialmente, tratou de mostrar un DNI, aínda que optou por ensinar un carne de conducir. Con anterioridade os axentes comprobaran que o titular do vehículo non tiña carne de conducir, polo que, ante a desconfianza de que se tratase dunha identidade falsa, esíxíronlle ao condutor que mostrase o DNI, constatando que se trataba do mesmo propietario do vehículo e que non tiña carne de conducir.
Ante a insistencia dos axentes, o condutor manifestou que o DNI era do irmán e que a única identificación válida era o carne de conducir.
Tras verificar a verdadeira identificación, os axentes descubriron que esta persoa trataba de enganarlles cun carne de conducir do irmán xa que esta persoa non tiña licenza, polo que se instruíron dilixencias ao xulgado por dous delitos, un por un presunto delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen obter nunca o permiso de conducir e outro por falsidade de documental ao presentar un documento orixinal alleo e tratando de facerse pasar por outra persoa.
A persoa denunciada estivo a traballar durante seis meses como condutor
Pero o caso non quedou aquí, froito da investigación os axentes da Policía Local tiveron coñecemento de que esta persoa estivera traballando nunha importante empresa de distribución como repartidor de mercadorías.
Comprobaron tamén que esta empresa de distribución non dispón de repartidores que asistan aos condutores nos labores de distribución da súa mercadoría, polo que iniciaron outra investigación para descubrir outras posibles irregularidades nas que podería incorrer esta persoa.
Así a Policía Local recolle o testemuño do persoal da empresa distribuidora que constatou que esta persoa estivo a traballar durante seis meses como condutor, repartindo de mercadorías cun vehículo da empresa sen obter nunca carne de conducir.
A empresa achegou unha falsificación, en forma de fotocopia, do permiso de conducir.
Ante estes feitos, novamente a Policía Local de Pontevedra instruíu, o pasado día 27 novas dilixencias ao xulgado por un presunto delito de falsidade documental, nesta ocasión por manipular un documento para dar a aparencia de verdadeiro.