O Concello de Poio presume dun superávit de 2,3 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
De maneira "moi positiva" afronta o goberno local de Poio a elaboración dos seus orzamentos para o presente exercicio despois de saber que a liquidación de 2016 arroxa un superávit de 2,3 millóns de euros.
Este xoves compareceron ante os xornalistas o alcalde, Luciano Sobral, e o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, que deron conta das grandes cifras do Concello.
O orzamento do pasado ano ascendeu a 11.100.000 euros. Xulio Barreiro detallou que a recadación neta do Concello foi do 94% dos dereitos recoñecidos, que se elevan ata os 1.464.000 euros.
Un aspecto que quixeron destacar é que a débeda municipal é de 6,2 millóns, isto supón o 55% "unha cifra perfectamente asumible", dixo Barreiro.
Ademais tamén lembrou que desde o ano 1997 os distintos portavoces que tivo o Partido Popular, desde Jesús Balea, pasando por Javier Domínguez ata Ángel Moldes "aseguraban que o Concello de Poio entraría en quebra", lembrou o edil nacionalista. "O PP puña en dúbida a capacidade financieira do Concello e cuestionaban a xestión" do grupo de goberno, explicou. Por iso Barreiro reivindicou "a boa xestión" feita polo equipo do alcalde Luciano Sobral.
Tanto o rexedor como o concelleiro tamén criticaron que a regra de gasto imposta polo Ministerio de Facenda impida destinar este superávit procedente do remanente de tesourería a gastos correntes e investimentos. É dicir, o tope legal de desembolso das entidades públicas "se está constriñendo ata chegar ao absurdo", segundo Xulio Barreiro, xa que "impide gastar ata o 2% máis do que se gastou o ano anterior".