Os veciños de Lourizán afectados pola ausencia de planeamento piden o apoio de Marea Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A asociación Aveloplan, a asociación de veciños de Lourizán afectados pola ausencia de plan urbanístico adaptado, reuniuse con Marea Pontevedra para solicitar o seu apoio na súa reivindicación de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e as delimitacións de núcleo.
Segundo informaron desde esta asocición, os representantes de Marea "preferiron non pronunciarse e estudar a proposta antes de emitir un comunicado" polo que Aveloplán móstrase "cauta" á espera desa resposta aínda que avanzan que lles "sorprendería" non contar co seu apoio nesta causa "que o que busca en primeira instancia é que se actualice o plan, vindo dun partido que sempre se mostrou entre os abanderados neste sentido".
"O que se está pedindo é totalmente legal", lembraron os portavoces de Aveloplan.
A asociación está a solicitar apoios das asociacións de Lourizán e teñen previsto entrevistarse con asociacións doutras parroquias.
Nesta liña, anuncia que ten prevista unha reunión na Casa das Campás o 2 de maio para falar das consecuencias que ten o non ter un plan adaptado no noso municipio e na que se falará tamén dos obxectivos da asociación.