Do 17 ao 21 de abril, o campus acollerá a Semana da Creatividade e da Innovación
Por Oskar Viéitez
Cunha vintena de conferencias, obradoiros, presentacións, concertos e outra serie de actividades celebrará o campus de Pontevedra, entre o 17 e o 21 de abril, a que é a semana de referencia do seu proxecto de especialización, CREA S2i. A Semana da Creatividade e da Innovación achegará a Pontevedra ao director e produtor Juanjo Giménez, nomeado ao Óscar pola súa curta Timecode; así como ao gañador de dous premios Goya Alberto Vázquez.
No programa desta semana conviven actividades transversais con outras máis específicas de cada centro, pero abertas á cidadanía, coa excepción daqueles obradoiros nos que será precisa unha inscrición previa.
A segunda edición do concurso de fotografía en Instagram dedicarase a reflectir en imaxes os compromisos adquiridos no proxecto Green Campus.
A Casa das Campás acollerá a exposición "Onde pisas?", que amosa en diferentes paneis a historia e a evolución da Xunqueira.
A sede da Vicerreitoría tamén acollerá nesa xornada un coloquio titulado "A mediación, procedemento para resolver conflitos e pacificar a vida das persoas, " a cargo de Ángel Torres e Jennifer Herbón, mentres que, ao día seguinte, o director teatral Quico Cadaval e a decana de Belas Artes, Silvia García, protagonizarán un coloquio sobre creatividade visual e verbal nunha facultade que tamén acollerá unha charla do egresado Carlos Seijo sobre creación de contidos con realidade virtual.
Cun obradoiro sobre exercicios hipopresivos para o tratamento de patoloxías e unha saída de campo que levará ao alumnado a percorrer en kaiak o Umia sumaranse a Facultade de Fisioterapia e a Escola de inxeñería Forestal a esta semana na xornada do venres, na que esta última acollerá tamén a entrega de premios do seu segundo Concurso Intercentros. Xa pola tarde, a conferencia "Do papel ao píxel" levará de volta á Belas Artes ao seu ex-alumno Alberto Vázquez, cuxo labor no eido da animación vén de ser recoñecido con dous premios Goya.
Relacionadas:
-
O campus avanza na especialización cun doutoramento en 'Creatividade e Innovación Social e Sustentable'
Por Natalia Puga |
-
O grupo Seitura recupera as pezas do coro Aires da Terra
Por Oskar Viéitez |
-
A India e Galicia conflúen na Casa das Campás
Por Sofía Fernández Fuentes & Mónica Patxot |
-
Un percorrido musical "en feminino" coa soprano Bonnie Cooper e o pianista Samuel Serrano
Por Redacción |