Rogan a recolocación duns colectores de lixo que impide aos condutores ver aos peóns
Por Oskar Viéitez
A concelleira do PSOE, Paloma Castro, acaba de presentar un rogo para a súa inclusión no próximo pleno no que se insta ao goberno local a que recoloque os colectores de lixo da rúa Condesa Pardo Bazán para evitar situacións perigosas.
A edil socialista dálle a razón aos veciños que están a denunciar unha situacion "potencialmente perigosa" pola mala localización dos colectores de lixo, que hai que corrixir.
Paloma Castro explicou que a actual colocación dos colectores "reduce de forma importante a visibilidade" xa que dada a súa disposición, os condutores non poden ver parte da beirarrúa. A situación de perigo vén dada porque ese punto cego coincide na intersección coa rúa Pasaxe de San Bartolomé.
"Cando un condutor vira non sabe se lle vai a saír alguén de detrás do colector. Esta situación é moito mais grave se se trata de nenos e nenas, que pola súa altura poden quedar absolutamente tapados polos colectores" indicou a concelleira socialista.
A solución é ben fácil e apenas ten custo, recordan os socialistas.