O colectivo de pensionistas da CIG demanda que se revaloricen as pensións
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG convoca unha nova concentración en Pontevedra para este mércores, día 5 de abril, para reclamar a revalorización anual das pensións conforme o IPC, garantías para a sustentabilidade do sistema público e exixir un incremento das mínimas, equiparándoas, polo menos, ao importe do salario mínimo interprofesional.
As mobilizacións, que se insiren na campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais que desenvolve a CIG desde o pasado mes de decembro, terá lugar ás 11:00 horas diante da oficina da Seguridade Social.
O colectivo de xubilados e pensionistas denuncia que coas reformas "dificultouse cada vez máis" o acceso ás pensións contributivas, rebaixáronse as dos que acceden a elas e retrasouse a idade efectiva de xubilación.
Xunto a isto denuncian que desde o ano 2013, a maioría absoluta do PP decidiu suprimir a actualización das pensións que se viña facendo en función da desviación do IPC e fixando como tope o incremento do 0,25%, "provocando deste xeito o empobrecemento dos pensionistas". "Esta mesma pretensión tena o denominado factor de sustentabilidade, aplicable a partir do 2019, que vai minguar aínda máis os ingresos ao quedaren vinculados en función do incremento da esperanza de vida", advirten.
Ademais alertan de que a través do Pacto de Toledo preténdense introducir novas reformas no sistema de pensións "guiadas, unha vez máis, pola política dos recortes en gasto público". Por iso exixen a derrogación das contrarreformas que reduciron o acceso e as prestacións das pensións.
Así, demandan garantía da estabilidade e da suficiencia económica do sistema público "para que todas as persoas poidan satisfacer con dignidade as súas necesidades", loitando contra a fraude fiscal; establecendo "unha auténtica progresividade nos impostos"; eliminando os topes máximos de cotización e fixando límites nas prestacións, entre outras cuestións.
Xunto a isto exixen tamén a supresión do repagamento dos medicamentos para os pensionistas.
Relacionadas:
-
A CIG chama a recuperar dereitos participando na manifestación do 1º de maio
Por Anxo Lourido |
-
A CIG volve á rúa para reivindicar que as pensións se revaloricen conforme ao IPC
Por Redacción |
-
A CIG freta autobuses para manifestarse en Santiago en defensa das pensións
Por Natalia Puga |
-
Saen á rúa en defensa das pensións públicas
Por Oskar Viéitez |
-
Os pensionistas sairán á rúa en defensa das súas pagas e dos seus dereitos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |