Fexdega convértese nun gran faiado cheo de antigüidades e cousas retro e vintage
Por Oskar Viéitez
Vilagarcía volverá a contar este ano cunha Feira de Antigüidades que se desenvolverá en Fexdega os días 7, 8 e 9 de xullo.
O éxito da primeira edición, celebrada en maio do ano pasado, sumado ao emprazamento estratéxico da cidade e á idoneidade da instalación do recinto feiral, foron a causa de que a promotora catalá Nougrupfiral volvese a apostar por Vilagarcía coa idea de consolidar esta mostra no calendario fixo de eventos feirais.
O ano pasado a mostra reuniu a 44 anticuarios procedentes de diversos puntos de España e de varios países europeos, e se ocuparon 3.200 metros cadrados coa exposición. O público tamén respondeu con interese, polo que a gran acollida que tivo fai prever que a edición deste ano sexa aínda máis concorrida.
No evento do ano pasado expuxéronse antigüidades propiamente ditas e de distintas épocas e tamén pezas vintage e curiosidades varias, como a cámara de fotos que Hitler lle regalou a Franco durante as Olimpíadas de Berlín.
A temporada feiral en Fexdega conta xa con catro grandes eventos marcados. O primeiro, o Salón Arousa Motor, terá lugar do 28 de abril ao 1 de maio, ao que lle collerá o relevo Expocasa, unha cita dedicada a todo o relacionado co fogar que recala por vez primeira en Vilagarcía e que se celebrará do 13 ao 17 de maio. Os vehículos regresarán ao recinto da Maroma entre o 26 e o 28 de maio co Salón Solo Clásicos e, finalmente xa en xullo terá lugar a II Feira de Antigüidades.