Doados 15.500 quilos de comida na Operación Quilo celebrada en Pontevedra e Poio
Por Redacción
A Fundación Provincial Banco de Alimentos recibiu 15.500 quilos de comida non perecedoira durante a Operación Quilo levada a cabo esta fin de semana en Pontevedra e Poio.
A recollida levouse a cabo nos centros comerciais de San Brais en Pontevedra e o da Barca en Poio.
Por localidades, en Pontevedra recolléronse uns 4.600 quilos de comida, mentres que en Poio foron 1.800 quilos, aos que hai que sumar outros 9.000 quilos de alimentos máis procedentes da campaña estatal da Fundación Solidariedade Carrefour.
Desde a ONG agradeceuse o labor desempeñado polos voluntarios desprazados aos distintos supermercados que facilitaron as doazóns, así como aos cidadáns que, quilo a quilo, achegaron o seu graniño de area solidario.
Grazas a esta acción da entidade, desenvolvida catro meses despois da celebración da Gran Recollida Solidaria de finais de novembro, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra, situado na rúa Faustino Santalices, recuperou unha boa parte do stock de produtos de primeira necesidade que demandan as 3.000 persoas con dificultades de Pontevedra cidade e comarca.
Relacionadas:
-
O Banco de Alimentos recolle 4.000 quilos de comida en Pontevedra e Marín no 'Maio Solidario' de Gadis
Por Redacción |
-
70 voluntarios en Pontevedra e Marín para unha nova Operación Quilo en varios Gadis
Por Redacción |
-
Reclaman voluntarios para o Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
O Zampaquilos solidario recolle 7 toneladas de comida
Por Redacción |
-
Volve a Operación Quilo a Pontevedra e Poio para distribuír alimentos a 3.000 persoas da comarca
Por Redacción |