Radio CERNA, ecoloxía e medio ambiente en PontevedraViva Radio
Por Alejandro Espiño
A ecoloxía e o medio ambiente terán, a partir de agora, o seu propio espazo en PontevedraViva Radio. A partir deste luns 3 de abril, Radio CERNA incorpórase á programación da radio de PontevedraViva. Trátase dun espazo producido pola asociación ecoloxista Adega, o único en Galicia que aborda esta temática.
O programa, que se poderá escoitar os luns, os mércores e os venres ás 14.00 horas -e a partir da súa emisión tamén vía podcast-, "busca achegar a realidade ambiental, ecoloxista e cultural do noso país a un público máis xeral e dunha forma máis directa", explica a súa coordinadora, Belén Rodríguez.
Detrás de Radio CERNA está a ampla bagaxe de Adega, un colectivo que leva máis de 40 anos traballando polo medio ambiente en Galicia. Desde 2005, este programa ofrece reportaxes e entrevistas sobre temas que "nos afectan a todos" e que nos axudan a adquirir unhas "mínimas directrices" para ter un comportamento sustentable.
Ademais de tratar cuestións de actualidade relacionadas coa realidade ambiental galega, cada programa analiza cuestións sobre conservación e biodiversidade, contaminación e residuos, enerxía e cambio climático, medio rural e montes, territorio e urbanismo, educación ambiental, auga e ríos, o litoral galego ou cultura, patrimonio e lingua.
Faino, explica Belén Rodríguez, desde unha óptica divulgativa. "A idea é que aqueles contidos relativos ao medio ambiente que nos resultan moi difícil de entender cando escoitamos falar os especialistas dese ámbito, sexan comprensibles para a maioría da cidadanía", sinala a coordinadora deste espazo ambiental.
"Non son cousas alleas a nós, senón que nos afectan non día a día polo que intentamos que todo iso do que falamos sexa entedible para todos os que nos estean a escoitar", engade Rodríguez.
Radio CERNA conta ademais coa colaboración desinteresada de numerosos colaboradores que dirixen seccións fixas no programa sobre a flora e a fauna galega, a lexislación ambiental, terminoloxía en galego, consellos útiles para a vida cotiá, patrimonio cultural ou o espazo das mil músicas, entre outros.
Así, Radio CERNA busca ser un instrumento de educación e información ambiental que consiga divulgar a importancia dos valores ambientais e culturais para crear "conciencias críticas" coa nosa contorna natural.
O programa pódese escoitar na propia páxina web de Adega ou tamén a través de numerosas emisoras locais de toda Galicia, ás que a partir deste luns 2 de abril incorpórase PontevedraViva Radio.